O camiño da esquerda: O Marxismo

>> dimarts 5 de gener de 2010

O camiño da esquerda: O Marxismo


Karl Marx é quen pon a primeira pedra na actual tradición da esquerda transformadora. En tempos de crise do capitalismo, é evidente que a esquerda ten a responsabilidade de ofrecer alternativas a aqueles (os do pensamento neoliberal) que tras afundir o sistema económico que eles mesmos montaron eluden asumir todo tipo de responsabilidades (nen políticas nen xurídicas). É por iso que levo tempo dándolle voltas as análises que tira Marx ao respecto da realidade social do seu tempo. Os teóricos socialdemócratas (Bauer, Kautsky e outros máis contemporáneos) insisten na súa base marxista, máis posteriormente non só renegan das súas conclusións senón tamén das súas análises previas. E penso que as análises previas son as que compre recuperar e adaptar (que non trocar ou desvirtuar) para facelas útiles para os tempos nos que vivimos.

Loita de clases
 
"A história de todas as sociedades que existírom até os nossos dias tem sido a história das luitas de classes. Homem livre e escravo, patrício e plebeu, senhor e servo, mestre de corporaçom e oficial, numha palavra, opressores e oprimidos, em constante oposiçom, tenhem vivido numha guerra ininterrupta, ora franca, ora disfarçada; umha guerra que terminou sempre, ou por umha transformaçom revolucionária da sociedade inteira, ou pola destruiçom das suas classes em luita. 



Nas primeiras épocas históricas, verificamos, quase por toda a parte, umha completa divisom da sociedade em classes distintas, umha escala graduada de condiçons sociais. Na Roma antiga encontramos patrícios, cavaleiros, plebeus, escravos; na Idade Média, senhores feudais, vassalos, mestres, oficiais e servos; e, em cada umha destas classes, gradaçons especiais.
A sociedade burguesa moderna, que brotou das ruínas da sociedade feudal, nom aboliu os antagonismos de classes. Nom fijo senom substituir velhas classes, velhas condiçons de opressom, velhas formas de luita por outras novas. 


Entretanto, a nossa época, a época da burguesia, caracteriza-se por ter simplificado os antagonismos de classes. A sociedade divide-se cada vez mais em dous vastos campos opostos, em duas grandes classes diametralmente opostas: a burguesia e o proletariado."

MARX, K. e ENGELS. Fr.  O manifesto comunista . Normativa lingüística da AGAL. Tirado de: AQUÍ 



Marx, como podemos ver na cita anterior, fala da historia como unha guerra continuada entre as clases sociais. Nomeadamente, entre dúas clases (que hoxe en día corresponderíase co que entendemos por burguesía e proletariado). Porén, afirma que na súa época (na do dominio da burguesía), as diferencias agudízanse e créanse dúas clases totalmente antagónicas e cada vez máis diferenciadas.

Esa última análise, no ano 2010, sería a mostra de que Marx se trabucaba. Aínda así, Marx non podía esperar que os liberais intrumentalizaran o benestar do proletariado (o Welfare State) para despolarizar as clases sociais existentes.  Isto é; o obreiro de hoxe en día segue á ser obreiro pero non quere revoltarse contra o patrón, quere somentes chegar a ser  (algún día) patrón. Ou, simplemente, ser recoñecido e posuír o mesmo que o patrón. E para iso aplica unha boa dose de traballo (se cadra máis disciplinado) ás ordes do primeiro. Todo un negocio!

En base a estes axiomas ten funcionado o sistema produtivo nos últimos 80 anos: un incremento paulatino da capacidade disuasoria por parte do empresario con respecto ao obreiro. Todo isto acompañado da despolitización social e do abaratamento do emprego, por exemplo. 

Análises complementarias

Moitos autores teñen revisado a Marx: Lenin, Trotsky e Mao cóntanse entre os máis famosos pola súa relevancia no eido político. Aínda así, coido que existen numerosas reflexións moi interesantes que quedan recluídas no ámbito da Ciencia Política (Althusser, Marcuse, Adorno e, sobre todo, Gramsci) que seguramente virían a marcar a segunda fase "de análise" con respecto á visión das clases sociais de Marx. Prescindindo do camiño que marca Marx (e sobre todo Engels) para conseguir o triunfo dos obreiros sobre a clase dominante.

Gramsci propón algo moi interesante, que vai máis aló da teoría da revolución marxista-leninista. Gramsci fala de hexemonía. Así, Gramsci fala de que o bloque popular debe aspirar a ter unha hexemonía social. Que é o bloque popular? Pois é a conxunción da pequena burguesía - artesáns e pequenos comerciantes -, os labregos (detalle interesante dende un punto de vista galego) e, finalmente, o proletariado.

É realmente, na actualidade, unha maioría social a conxunción de proletariado, pequena burguesía e dos labregos? Iso depende, evidentemente, da definición de proletariado que fagamos.

Segundo o DRAG: _____________________________________________________________________
proletario -aadx. 1. Relativo ós proletarios ou ó proletariado. Clases proletarias. // s. 2. Persoa que vive do seu salario e que non posúe medios de producción propios. Un barrio de proletarios. u CF. obreiro.

Buscado AQUÍ 
__________________________________________________________________________________________________


Coido que queda claro, logo, que o bloque popular é unha maioría social e, polo tanto, unha maioría social (a grande burguesía) é a dominante do sistema económico, financieiro e político dos sistemas liberais. Ata aí non hai matices, coido que, dende unha perspectiva de esquerdas (de calquera espectro) podemos concordar.

Agora ben, quedarían cuestións claves por definir:
  •  Qué papel debe xogar o Estado de Dereito nunha sociedade socialista? 
  • Cómo conxuga a democracia nun sistema socialista? 
  • Onde se fixaría o nivel de convivencia entre a liberdade da iniciativa privada e a igualdade entre os cidadáns? 
  • Sería mellor un sistema de redistribución económica puro ou en base a méritos individuais?
E, por suposto:
  • Qué sistema político e económico propón a esquerda? 
Aínda así, dende estas premisas de análise socialque realizan Marx e Gramsci, certamente combinadas dun xeito un tanto heteroxéneo, podemos chegar a un consenso, penso eu, bastante aceptábel para o conxunto da esquerda sociolóxica.




Read more...

A estratexia e o BNG (II)

>> dimarts 22 de desembre de 2009

A estratexia e o BNG
 



Link directo para ver en PDF:

Ligazón directa para ver en Google Docs:



Esta versión introduce algunhas correccións ao texto publicado no blog. Porén caibe a posibilidade de que continúe a miña análise dende o final deste texto.

Read more...

A estratexia e o Bloque Nacionalista Galego


A estratexia e o BNG.
O Consello Nacional do BNG encarregou o pasado 15 de Novembro a Xosé Manuel Beiras constituír unha Comisión especial (exclusiva para membros do Consello Nacional) que debería aportar novas ideas para as "estratexias" da formación nacionalista. Moito se escribiu, en clave de correlación de forzas internas, do feito de que a maioría do Consello Nacional (APU, formada maioritariamente por militantes da Unión do Povo Galego) lle outorgase a Beiras tal función. E é por iso que eu non vou falar desa cuestión. Qué acontece, logo? Primeiro, a nova. Logo, o silencio.


A estratexia do BNG: composición interna


Xa nesta nova que saía publicada en Vieiros.com ligábase a cuestión da estratexia da organización frentista co que pode acontecer nos comicios locais do 2011. Realmente, o BNG comezou un cambio dende a pasada Asemblea Nacional. É evidente que a transformación das maiorías internas logo da demisión da anterior executiva e da celebración dunha asemblea nacional extraordinaria significa un cambio de ciclo (non só no que fai ao goberno do BNG, senón tamén na signifcación interna de cada unha das correntes, partidos e grupos de militantes que habitan no BNG). Isto pode verse na composición actual do Consello Nacional.



Vemos na gráfica como existen dúas grandes correntes dentro do BNG, (APU con 50 membros e +BNG con  froito das listas de delegados á ANE convocada despois do desastre electoral do 1 de Maio. Porén, as dúas forzas minoritarias (MGS, con dous membros no Consello Nacional e o EI, con 13) xogan roles diferentes. O EI ven de reivindicar a súa "estratexia propia" de cara a conectar co tecido social e político do nacionalismo coa consecución da celebración da Rolda de Rebeldía (que viría a ser un encontro de ideas e traballo co cal prantexar o avance das ideas nacionalistas e de esquerdas neste século XXI).  Pola contra, o MGS, con moita menor militancia, optou pola vía interna e integrouse dentro da Executiva Nacional do BNG. Aínda así, a xente moza afín ao MGS (da que é máximo expoñenente Noa Presas), ISCA! sí está á manter un traballo paulatino á hora de tentar enviar unha mensaxe diferenciada e crítica coa traxectoria recente do BNG.

Pero qué estratexia propoñen as dúas máximas correntes do BNG? Para resolver esa cuestión primeiro deberiamos coñecer (a lo menos analíticamente) de donde veñen os seus membros no Consello Nacional, qué colectivos os forman e qué análise tiran dos acontecementos os seus máximos expoñenentes.

A Alternativa pola Unidade e a estratexia que debe seguir o BNG

Para encetar a análise temos que ter en conta que, a día de hoxe, a Unión do Povo Galego é o colectivo con máis capacidade de mobilización e traballo dentro da organización. Ese apelativo, que eu vos presento como certo, derívase de dous feitos constatábeis: até a fundación de +BNG a UPG era a formación interna con máis militancia (superando ao seguinte en máis do 50%) e a UPG sempre tivo maioría (na Comisión Permanente -logo executiva) do BNG. Estas consideracións previas sempre son necesarias á hora de, logo, facer unha proposta de cara á estratexia que debe seguir o BNG. 

A APU está formada por militantes da UPG e independentes. No decurso da AN un militante do MGS (Rafa Vilar) incorporouse á súa lista á executiva nacional, máis non pasou o MGS a formar parte da APU. 



Alternativa pola Unidade presentou un proxecto onde se artellaban unha serie de consideracións que nos poden ser úteis á hora de ver os camiños (no eido da estratexia política) que pode seguir o BNG.

  • Revitalizar a organización do BNG e agrandar a súa base militante.
  • O centro de gravidade debe, xa que logo, situarse no BNG Organización e non tanto na representación do BNG nas distintas institucións, xa sexan parlamentares ou municipais.
  • O reforzamento do BNG Organización precisa inescusabelmente do concurso dun portavoz nacional con experiencia política e coñecimento da organización de base - Guillerme Vázquez foi responsábel comarcal en Pontevedra - que poida adicarse por enteiro a desenvolver todas as potencialidades do BNG e a intensificar a relación cos movimentos sociais e populares.
  • O reto máis importante para o BNG é garantir a presenza do nacionalismo nun futuro Parlamento europeo e preparar a organización para obter un bo resultado nas eleccións municipais de 2011.
  • Non ten ningún sentido situar agora como obxectivo prioritario unhas eleccións galegas previstas para 2013.
  • APU non está por unha visión personalista da política nin vai apoiar ningunha forma de hiperliderazgo . Alternativa pola Unidade cre que "é fundamental que no BNG a toma de decisións sexa colectiva, democrática e aberta ao conxunto da militancia".


Fonte: GZ NACIÓN (12/04/2009). LINK.



Máis BNG e a estratexia que debe seguir o BNG


Máis BNG é un colectivo que nace nesta última Asemblea Nacional tras a perda do goberno da Xunta por parte do PSdeG-BNG. Dito colectivo nace dunha correlación de forzas un tanto heteroxénea. Por un lado,  intégrase nel un grupo de militantes independentes que formaban parte (anteriormente) do pacto de goberno UPG-Quintana dentro do BNG. Estos son os mal chamados quintanistas. Así, outros grupos previamente organizados intégranse hoxe en día nel: Espazo Socialista Galego, Esquerda Nacionalista, Inzar e PNG-PG. (EN apoiou as Listas Abertas do EI pero logo decidiu integrarse en MáisBNG).  Qué propón Máis BNG?

Nos textos a debate (non definitivos, os definitivos non foron feitos públicos) da súa Asemblea de Novembro de 2009, a corrente Máis BNG prantexaba o seguinte:  
  • Aspiramos a que todos os homes e mulleres do BNG gocen dos mesmos dereitos, deberes e posibilidades, facendo realidade na nosa organización aquilo que defendemos para o conxunto da cidadanía.  
  • Porque o BNG non é unha coaligación de partidos. É unha organización política de adscrición individual no que a pluralidade debe estar sempre ao servizo do proxecto común. 
  • O BNG debe renovar e alargar o concepto de militancia, como un elemento crucial para a apertura e a interlocución coa sociedade.
  •  Traballaremos para que o BNG asuma a importancia do traballo municipal para a construción dunha base social firme que dea sustento ao noso proxecto político.

Fonte: Espazo Web de MáisBNG.

Porén do explicitado aquí arriba, Máis BNG propuña un liderado único no BNG (identificación entre portavoz nacional e candidato ás eleccións galegas). Aínda así, tras perder a ANE, Máis BNG suponse que presentará a algunha persoa para que opte a encabezar a candidatura do BNG ás eleccións galegas de 2013.


O BNG e as eleccións de 2011.

Realizaremos un pequeno repaso pola situación das 7 cidades galegas en relación á dinámica electoral que se ven dando dende as eleccións municipais de 2007. Primeiro en canto a número de votos nas sucesivas eleccións e segundo en canto a liderado (e situación de percepción do presumíbel candidato ou portavoz municipal actual).





    Ourense. O BNG pasa dunha situación no 1995 onde saca 11921 votos ao 2007 onde consegue 12253. Isto fala ben da consistencia do electorado nacionalista ourensán, máis temos que recordar que até 2007 o BNG de Ourense nunca asumira funcións de goberno (e polo tanto, de desgaste). Porén, os resultados de 1999 e 2003 (12519 votos e 15165 votos) son mellores que os de 2007, polo que hai unha percepción peor do BNG por parte da cidadanía.

    Alén disto, nas eleccións autonómicas de 2005, a cidade de Ourense aportou 13191 votos ao cambio político que afastou a Fraga da Xunta. En cambio, só contribuiu con 9348 votos para tentar reeditar o bipartito.





    Vigo.  Poremos agora o ollo sobre a cidade olívica. En Vigo os resultados do BNG seguen unha tendencia similar. Se no 1995 tiña 19061 votos, estes no 1999 foron 34192. No 2003 os apoios ao nacionalismo contáronse en 39387 e nos comicios de 2007.

    Vemos, pois, que o BNG diminuiu en 2007 por primeira vez o seu número de votos na cidade de Vigo, tras asumir a alcaldía en 1999.

    No ámbito autonómico en Vigo 30796 persoas votaron ao BNG en 2005, por 27636 que o fixeron en 2009.



    Pontevedra. A capital de provincia é un dos buques insignia de apoio ao nacionalismo nestes últimos 15 anos (1995 - actualidade).
    Aínda así, reprodúcese a tendencia xeralizada en tódalas cidades.

    Datos:
    1995: 9719 votos.
    1999: 14887 votos.
    2003: 17400 votos.
    2007: 12412 votos.

    Nas eleccións autonómicas o BNG tivo os seguintes apoios:
    2005: 15992 votos.
    2009: 14170 votos.




    A Coruña.  A cidade da Coruña é das que maiores avances sufriu no eido local nos últimos tempos, froito do fin do dominio absoluto do PSdeG na capital coruñesa.

    Datos:
    1995: 10735 votos.
    1999: 15440 votos.
    2003:28382 votos.
    2007: 24415 votos.

    Nas últimas eleccións autonómicas o BNG obtivo os seguintes resultados: no 2005 recibiu 28.606 v0tos, no 2009 tan só 18.503 votos.





    Compostela. A capital de Galiza é un exemplo da estabilidade (á baixa) na última década dos nacionalistas.

    Datos:
    1995: 4566 votos.
    1999: 8780 votos.
    2003: 8507 votos.
    2007: 7871 votos.

    Como contraste, imos ver os resultados das derradeiras dúas eleccións autonómicas.
    2005: 11375 votos.
    2009:  9095 votos.






    Ferrol. A sétima cidade de Galiza é o vivo exemplo da pouca implantación no eido local do BNG (e tamén da incidencia negativa da súa experiencia na alcaldía).

    Datos:
    1995:  5129 votos.
    1999:  11148 votos.
    2003:  9458 votos.
    2007:  3219 votos.

    Nas autonómicas de 2005 e 2009 o BNG obtivo 7099 e 4398 votos respectivamente.


     

    Lugo. Nas últimas eleccións de 2007 Lugo foi a única capital galega onde houbo un avance do nacionalismo. É curioso observar que nin se realizaron tarefas de goberno nin se erosionou o electorado de dereitas: foi froito dun descenso do PSdeG.

    Datos:
    1995:  6750 votos.
    1999:  9346 votos.
    2003:  6285 votos.
    2007:  7417 votos.

    Nas autonómicas de 2005 e de 2009 o BNG lucense sacou un resultado bastante parello: 8444 votos e 8038 votos respectivamente.


    CONSIDERACIÓNS BÁSICAS.



    a) O BNG está nun período de retroceso electoral nas cidades (tanto nos comicios autonómicos como nos locais).

    b) A valoración da laboura de goberno do BNG tende a ser negativa (Vigo, Pontevedra, Ferrol, etc). Os lugares onde o BNG non goberna son os que tenden a ter máis avance da forza nacionalista ( Lugo, A Coruña...). 
    c) O BNG apenas suma apoios novos en ningunha cidade. 

    Nota metodolóxica: Esta comparación de datos non pretende ser un estudo de comportamento electoral dacordo cos estudos politolóxicos clásicos. Esta comparativa non ten en conta nin a participación nin a poboación chamada a votar: tan só valora o número de votos totais que recibe o partido obxecto de estudo. Tampouco é  efectivo, normalmente, comparar comicios de diferente ámbito.  Aínda así, considero que pode ser unha ferramenta analítica o suficientemente interesante como para poder tirar as conclusións que se fan na parte final desta pequena análise.


    Liderado nas cidades. 

    Ourense. A cidade das Burgas vén de pasar un momento complicado coa demisións de Aleixandre Sánchez Vidal como tenente de alcalde de Ourense. Foi substituído por Andrés García Mata. Non está claro quen será o candidato. 


    Vigo. Semella claro o liderado de Santi Domínguez, que segue ocupando a tenencia de alcaldía do goberno de Abel Caballero. Presumíbelmente será o candidato ás eleccións municipais. 


    Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sufriu un duro golpe nas últimas eleccións municipais ao constantar o claro avance do PP, seguido do avance do PSdeG, sendo o BNG a única forza que retrocedía. Así, tras dispoñer de maioría absoluta no 2003, o BNG volta a un goberno de coalición cos socialistas. Voltará a ser candidato, salvo sorpresa maiúscula. 


    A Coruña. O cuestionado Henrique Tello gañou crédito tras manter unha bolsa importante de votos que facilitou a entrada do BNG ao goberno da cidade da Coruña, con él como tenente de alcalde. É unha incógnita, máis de ben seguro que Tello (un dos históricos do nacionalismo) seguirá como alcaldable.


    Lugo. Xosé Anxo Laxe segue sendo o portavoz do BNG no consistorio lugués. Agora ben, o maior peso que leva tendo Paz Abraira (número 1 por Lugo ás eleccións xerais) pode levala á nominación como candidata. Aínda así, a tendencia é que todo quede como está ou, en caso de trocar o candidato/a, podería haber unha sorpresa. 

    Ferrol.  O anterior candidato foi Xoán Xosé Pita. Tendo en conta que o BNG conta con dous concelleiros e que os resultados de 2007 foron os máis negativos dende 1991 é moi probábel que o candidato sexa outro. En todo caso, a día de hoxe Xoán Xosé Pita segue á ser o voceiro municipal do BNG. 


    Compostela.  Na capital de Galiza produciuse un cambio de liderado no decurso desta lexislatura. O que fora candidato no 2007 (e tenente alcalde aé 2008) deixou o seu lugar na corporación e no goberno do Concello de Santiago a Socorro García, actual tenente de alcalde.





    UNHA PROPOSTA ESTRATÉXICA PARA O PERÍODO 2010-2013.

    Á vista dos datos empíricos, o BNG é un partido á baixa. Se ben é certo que se alude a cuestións clásicas (que ten moito que ver cos prexuízos e as excusas) como "acusar o bipartidismo", elúdense outras posíbeis causas como podería ser o fracaso do BNG en catro ámbitos: 


    a) Respostar ás expectativas xeneradas na acción do goberno do BNG dentro do que chamaremos o "nacionalismo sociolóxico".
    b) Incapacidade para comunicar as políticas levadas a cabo polo BNG nos gobernos municipais das cidades. 
    c) Impotencia ante o fracaso de ampliar as bases electorais do nacionalismo. 
    d) Imposibilidade de atopar un líder carismático de consenso (interno e externo) como fora Xosé Manuel Beiras. 


    Estes catro ítems son contestados de diferente forma polas formacións maioritarias do BNG. Máis BNG, a corrente encabezada por Carlos Aymerich, propón un sistema organizativo onde o proxecto de ampliar a base social do nacionalismo se utilice como ferramenta necesaria para volver dar folgos ao que vimos chamando o "nacionalismo sociolóxico". A APU, en cambio, argumenta xusto o contrario: unha boa relación e interlocución do BNG coas organizacións nacionalistas de eido social (CIG, ADEGA, A Mesa pola Normalización...) ampliará a base electoral e a participación cívica no ámbito do nacionalismo.  Digamos, pois, que as dúas formacións actualmente maioritarias dentro do BNG propoñen proxectos organizativos e de proxección externa diametralmente diferentes. 

    En canto á cuestión do liderado é sintomático ver como unha formación (APU-UPG) propón un doble liderado (para resolver a problemática do vacío "carismático" tras Beiras) e a outra (MáisBNG) propón centralizar a oposición ao goberno do PP nunha sola cara (propuña antes a Aymerich como portavoz parlamentar e voceiro nacional; na situación actual +BNG apoia -pola vía dos feitos- a posibilidade dun candidato á Xunta diferente a Guillerme Vázquez, coa idea de poder situar como tal a un dos seus dirixentes). 

    Por qué é preciso revisar estes pequenos síntomas da situación actual do BNG para deseñar o modelo municipal e de incidencia local da organización nacionalista? É bastante importante ter en conta como, o BNG, conseguiu presentarse, nas últimas eleccións de 2007, en case tódolos concellos do país. A implantación no territorio foi paulatina, difícil e moi traballada; aló polos 90. Qué posibilitou iso? Dúas grandes ideas dentro do imaxinario nacionalista: 
    • Xosé Manuel Beiras, o prototipo de intelectual nacionalista; dalguén con ideas. Exercía de cara coñecida para o potencial votante no municipio (rural ou urbano). Porén, era usual a práctica de incluír algún discurso de Beiras no preámbulo do Programa Electoral. 
    • O exemplo de Allariz. Allariz exerceu como paradigma á hora de vender a capacidade de goberno do BNG. Iso comezou a truncarse dende que Anxo Quintana (como o máximo exponente do "éxito" de Allariz) involucrouse de pleno na política a nivel galego (primeiro como senador e coordenador executivo e logo como voceiro nacional e vicepresidente da Xunta). 
    Estas dúas ideas morren (a efectos mediáticos) paulatinamente no primeiro lustro deste segundo milenio. Estas ideas téntanse contrarrestar (no eido municipal) con outros exemplos: 
    • O exemplo de Pontevedra. A maioría absoluta de Lores en Pontevedra convida a unha labor de goberno nídia e sen complexos por parte do BNG. A resposta no 2007 do electorado é clara coa victoria do PP. 
    • A capacidade de "xestión". Vánse incorporando ao eido municipal xente procedente de instancias de goberno autonómicas (do goberno bipartito), levantando a bandeira de ser bos xestores e ter capacidade para mellorar o país. O exemplo máis claro é Santi Domínguez en Vigo.
    Como dicimos, estes dous ítems fracasan estrepitosamente (non pretendo explicar as razóns deste fracaso; simplemente este tipo de argumentacións deixaron de utilizarse nas comunicacións públicas do Bloque), mesmo materializados en baixadas electorais nos peores dos casos.


    Entón, qué estratexia local debe tomar o BNG? As formacións maioritarias do BNG (APU-MaisBNG) concordan no punto de que a estratexia municipal da formación é básica para o traballo no total do país. A isto engadiremos que, como é evidente, as cidades xogan un papel determinante no eido local: tanto pola súa influencia no rural como por a súa importancia demográfica. Polo tanto, tras observar os perfís dos candidatos e candidatas do BNG nas cidades galegas ollamos que todos eles están afastados da primeira liña política do BNG. Isto é: 


    • Ningún deles pertence á Executiva do BNG. 
    • Non todos son membros do Consello Nacional. 
    • As correntes ás que están adscritos non sempre os inclúen nas súas listaxes ao Consello Nacional (por exemplo, Santi Domínguez ía de número 50 na lista de +BNG.)
    • A súa falta de visibilidade é unha das causas do pouco éxito na comunicación da laboura de goberno nacionalista. 

    UNHA PROPOSTA DE NATUREZA MIXTA.

    Á luz dos datos obxectivos e da análise argumentada que fixemos da situación do BNG nas cidades galegas, tratarei de expoñer o que eu prantexo como unha saída a esta crise.   Hai dous planos de análise: o plano organizativo e a proxección externa dos candidatos/ tenentes de alcaldía.

    Plano organizativo. A solución real é unha solución intermedia entre a que demanda +BNG e a APU. Se cadra, vai na liña do que propuña o Encontro Irmandiño (sobre a "refundación do nacionalismo"). O doble liderado que semella que se implantará (de partido e de candidatura) tense que asentar canto antes (isto é, após as eleccións municipais). Mentres tanto, esta "pinza" deberían conformala o voceiro parlamentar e o voceiro nacional (sexan quen sexa cada quen) no plano externo ou o voceiro nacional e a coordenadora executiva/secretaria de organización no plano interno.

    Plazo de proxección externa. Porén o problema preséntasenos cando hai cidades onde o coñecemento do candidato do BNG é moi baixo. Non fai falla unha enquisa para afirmar que Baltar (pai ou fillo), en Ourense (como cara visíbel, non como candidato), é moito máis notorio que Aleixandre Sánchez Vidal ou Andrés García Mata.

    O BNG sufriu un efecto froito da non planificación de estratexias a longo prazo. O BNG atopouse nunha situación complicada (eleccións de 2009) que o obriga a poñer todas as súas forzas no ámbito local. Agora ben, iso teno que facer xustamente despois de poñer toda a carne no asador no ámbito galego (recordemos, 4 ex-conselleiros encabezando cartel nas eleccións galegas; ou Francisco Jorquera, ex-coordenador executivo, de candidato por A Coruña ás lexislativas españolas). Sufriu logo, o BNG, o efecto "illa". Cada Asemblea Local do BNG, máis ou menos influida polas directrices do BNG de Compostela, illouse e tentou resolver os seus problemas sen saír deste marco municipal. Iso só se comezou a corrixir trala perda do goberno da Xunta, no que o BNG das cidades galegas comezou a deixar de utilizar o parapeto de "Tenencia de Alcaldía" para marcar a súa política dentro dos gobernos municipais (en vista de que era mal considerado pola cidadanía).

    O BNG precisa aproveitar mellor o capital humano que habita na súa organización. Vigo podería ser obxecto da candidatura do denostado Camilo Nogueira, ou mesmo de ex-conselleira de vivenda Tareixa Táboas. De igual modo, en Pontevedra o alcalde Lores ten un nivel alto de recoñecemento popular, máis a intervención do actual voceiro nacional  do BNG (recordemos que é ex-concelleiro) nunha actual campaña electoral sería moi interesante e favorábel aos intereses da organización nacionalista.  En Ourense dispoñemos de varias opcións moi interesantes para substituir na candidatura a Sánchez Vidal: Anxo Quintana, Alfredo Suárez Canal, Francisco García (alcalde de Allariz) ou o propio Iago Tabarés poderían ser candidatos con moita máis capacidade de comunicación (a lo menos sí son máis coñecidos pola cidadanía).  A esta pequena escolma poderíamos engadir ao senador por designación do Parlamento de Galiza, Xosé Manuel Pérez Bouza.
    En Compostela o exemplo máis claro sería o de Xosé Manuel Beiras, máis outros cadros importantes do BNG residen na capital de Galiza e poderían ser unha alternativa máis sólida á candidatura de Socorro García.  O caso de A Coruña é complexo, máis hai alternativas dabondo no plano nacional ou nos concellos da provincia gobernados polo BNG. En Lugo atopámonos con alternativas como Ana Pontón ou Fernando Blanco, o ex-conselleiro de Industria. Por último, en Ferrol penso Jorquera sería un excelente candidato por parte do BNG.

    Non sería máis fácil que, con xente válida e con experiencia noutros concellos, parlamentos ou no propio goberno da Xunta, o BNG afianzase o seu modelo territorial. Se ben é certo que o modelo comarcal-local do BNG imposibilita que a Nacional poida impoñer decisións deste calibre a unha asemblea local, penso que é un debate que non se está querendo dar no interior do BNG e que podería facilitar o traballo das Asembleas locais en cuestión.  A prioridade do BNG debería ser, logo, contrarrestar esta clara tendencia á perda de votos e ao retroceso electoral e buscar novas formas de chegar coa súa mensaxe á poboación.  O eido organizativo e os candidatos son temas moi relevantes, que xa diseccionamos chegando ás seguintes conclusións:
    1. A organización do BNG tense que tornar máis forte e o voceiro nacional ser unha figura de referencia no plano interno e externo. 
    2. Os candidatos deben ter un perfil máis político e menos tecnocrático para chegar a ter máis incidencia electoral. 
    3. O éxito ou fracaso do BNG pasa pola renovación da "marca BNG" en tódolos sentidos. 



    No sentido do punto 3 maniféstase o troco de imaxe que, tralo 1 de Maio, fixo o BNG. Encetou unha campaña chamada "Hai Alternativa!" na que se recolle un novo logo do BNG máis dacordo coas posibilidades actuais do deseño gráfico.  A renovación do espazo web acometida no pasado tamén é un síntoma da vontade de trocar a percepción cidadá do nacionalismo sen marchar das posicións de esquerdas e nacionalistas que o caracterizan dende a súa fundación aló polo 1982.  Estas accións, xunto coa defensa da lingua; deberían colocar ao BNG nunha posición de saída moito máis favorábel que ao do seu ex-compañeiro de goberno (descabezado en Galiza e sufrindo a crise o goberno de ZP) o PSdeG-PSOE.









    Read more...

      © Blogger template Werd by Ourblogtemplates.com 2009

    Back to TOP